Olalla Cociña Lozano (Viveiro, Lugo, 15 de outubro de 1979). Poeta e xornalista. Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Logo de gañar varios premios poéticos xuvenís, obtivo no ano 2000 o premio de poesía "O Facho", outorgado pola asociación coruñesa do mesmo nome. No 2004 conseguiu o segundo premio na XVIII edición do certame literario da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà (Barcelona).
No ano 2005 publicou o poemario As cervicais da memoria (Edicións Fervenza), co que o ano anterior lograra o VIII Premio de poesía "Avelina Valladares" que convoca o Concello da Estrada. No prólogo deste libro Xosé María Álvarez Cáccamo sinala algunhas das claves da ollada poética de Olalla Cociña: "Fraxilidade, transparencia, percepción sonambular".
O seu segundo libro, Aquí (intemperies), saíu á luz en 2006 na colección "Poeta en Compostela" (Grupo Correo, Concello de Santiago, AELG). Moitos dos poemas e textos recollidos neste volume apareceran previamente nun blog da autora xa pechado, e algúns formaron parte antes dunha obra inédita consistente nun sobre no que os poemas podían ser escollidos aleatoriamente.
En marzo de 2008 gaña a oitava edición do premio de poesía Fiz Vergara Vilariño[1] polo seu poemario Libro de Alicia (Edicións Espiral Maior, 2008).
Olalla Cociña participou ademais en varias publicacións colectivas, entre as que destacan a antoloxía bilingüe Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia (Eneida, 2005), e o número 34 da serie "Alfa fulls temporals d'art i literatura" (Una llum del nord, Quatre poetes de Galícia), con poemas traducidos para o catalán, o castelán, o inglés e o francés. Actualmente mantén o blog reveladora, no que é autora dos textos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario