miércoles, 22 de abril de 2009
as crebas dos dias anortados
usar e tirar
Observar nos parques
os movementos excéntricos da xente distante,
un instante, unha carreira, unha perda irreparábel,
unha secuencia desordenada de realidade,
unha salva,
unha matriz esgazada,
unha cousa xunto da outra e logo
disparar, atinxir, verificar, violentar os obxectos circundantes,
morder o po e desprezar as calorías de máis,
erguerse cedo para ollar pola xanela,
atreverse a morrer sen avisar a ninguén,
ducharse en auga salgada,
en liortas, desenfreos,
ter orgasmos inusuais nos invernadoiros,
depor as armas, todo iso fai parte da rutina,
da extorsión gastroduodenal á que nos somete a radiación ambiental,
por iso son un alien,
un asasino,
un diletante de extrema esquerda que vomita todo o que pensa
con palabras inconexas,
son libre e non estou conforme,
coñezo a miña sorte,
ter a vontade da pedrafita,
fincada na terra contra o vento, a historia e o turismo rural.
Tal vez ti non me entendas
pero iso é só porque non queres
ou non che deixan,
atende,
eu non comercio cos meus sentimentos
pero vendo baratos os meus pensamentos,
estou contento de estar aquí,
nesta utopía tropical,
nesta país caótico e ultralixeiro que todos temos na cabeza,
a vida é o abismo onde ten lugar a miña pantomima,
eu son el e ti es el e ti es eu e todos somos todas.
Podes facelo comigo se queres.
Simplemente lembra que son un poeta de usar e tirar.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario