DOUS POEMAS
36 ANIVERSARIO
Despídome da nena que fun e xa non chora
axeonllada no templo occipital.
Bato palmas no lume.
Voume danzar á sombra radical
da miña osamenta adulta.
Es libre agora
un paxaro bebe nas augas tépedas do teu encéfalo
un peixe novo nace na túa musculatura
e por fin declárase a poesía como un amor anfibio
...Pero agora
Ah, pero agora escoito con toda nitidez
aos 36 anos
a música da resina
aquílo que non oín na tuba do silencio mentres nazo
a harmonía profunda das partículas biliares
a sangue que bombea o ceo
ao abdome dunha salamanca
o delicadísimo encaixe do xeo da voz que amo
e se derrama sobre o meu sino.
Sobrevivín e sobrevivo porque vexo a beleza e vai conmigo
Sobrevivín e sobrevivo porque a beleza me ve e vou contigo.
SALVAXE MENTE
Será que naceu para que a devore o ar
e entre en transo
cando se che acerca
abancando o seu ciclón de arterias
e é toda ela a filosofía espasmódica da dozura
rendida
salvaxe mente.
Será que xa morreron dez homes e Borneo
e un tigre en Sumatra expira
e o espazo absorbe a asma da alma que te mira Será
que as súas terminación nerviosas
son furias con lazos de cobre
que atan á total entrega
e vai a cegas ao abismo por ver
quizais se talvez hai unha rosa ao fondo
e a pode cortar
e darcha.
E despois marcha en carne viva por carreiros
que xa cerraron as silvas haí séculos
que pouco lle importa
que as espiñas a piquen como unha saeta a gorxa
que se derrete e se desangra sen se dar conta sequera
enriba dun altar de Pérgamo
como unha taquicardia indefensa ante o seu propio ritmo.
Será que busca o mimo da luz que nunca tuvo
e as placas tectónicas das palmas das túas maus
se se lle aproximan fana tremer e caer desde o subsolo ao ar
Será que naceu para que a devore
e non quede nada dela
agás o pico da bubela que come o corazón do figo
e digo
que existiu con tal tenrura que quedou durmida entre os calcetíns
da cesta da túa roupa e tres pinzas e a curva do Universo
e digo
tamén
que pode respirar co osixeno que a ti che sobre
que vai ao alén bicar as maus da túa mai morta
e que che fabrica os suspiros cunha flor de fariña infinita
que quedou o seu riso coma un fume flotando entre chemineas modernistas
que todo aquel que o ve ascende de si mesmo
ao nó da combustión eterna.
Será que ela é ela
entre brasas e neve con furacáns formigas e o sexo sinfónico
dos eixos da terra.
Será
que ela é ela.
No hay comentarios:
Publicar un comentario