domingo, 24 de junio de 2012

Manifestos | Redes Escarlata

Manifestos | Redes Escarlata
Diante da situación degradante das organizacións políticas e sociais que, agás escasas excepcións, están incorporadas ao sistema neoliberal, facemos un chamamento ás persoas críticas con este estado de cousas para integrármonos nun colectivo soberanista de intervención social e política, constituíndo unha ASOCIACIÓN SOCIO-CULTURAL ou barco de pedra, chamada REDES ESCARLATA.
Somos de esquerdas e sostemos que nestes tempos de mudanza tecnolóxico-financeira a sociedade segue estando dividida en clases.
Non temos máis horizonte que a soberanía dos cidadáns, dos traballadores e das nacións.
Non renunciamos aos principios inalienábeis que constitúen a verdadeira democracia (ata o fondo, subversiva, progresista): o dereito á igualdade real, a xustiza, a fraternidade e a liberdade das multitudes.
Nada nos é alleo, todo nos compete. Teimamos en intervir en temas políticos, sociais e culturais dos nosos Terra e Tempo.
Renegamos da globalización neoliberal e defendemos a solidariedade internacional.
Renegamos do imperialismo e defendemos a autoderminación.
Renegamos da caridade institucional, cos seus exércitos humanitaristas, ONG, lavado de conciencias…, e defendemos o internacionalismo.
Fronte ás presentes autonomía e monarquía, autodeterminación e futura República Galega.
Fronte ao bilingüismo harmónico, normalización lingüística: a nosa expresión escrita asumirá a normativa vixente.
Fronte á alienación e ao simulacro, cultura.
Fronte ao discurso xenófobo, radical antirracismo, fraternidade cos economicamente incorrectos.
Fronte á expropiación privatizadora, sector público galego.
Laicismo fronte á confesionalidade subvencionada.
Pluralismo informativo fronte ao pensamento único ou pensamento cero.
Contrainformación fronte ao discurso dominante.
Queremos que se respecte o exercicio dos dereitos políticos e non se fomente o terrorismo de Estado. Manifestámonos pola liberdade e a solidariedade con tódolos pobos insurxentes. A solución ao conflicto en Euskal Herría pasa pola negociación entre o Estado e as forzas soberanistas vascas.
Queremos unha organización territorial galega que remate coa administración tutelar de Hespaña. Queremos bisbarras e parroquias, non provincias.
Temos por galego o territorio lingüístico e cultural das comarcas estremeiras (Eo-Navia, Bierzo Occidental e As Portelas) e do val do Ellas. Estamos especialmente abertos á lusofonía.
Queremos un ensino nacional galego.
Asumimos o compromiso de defender:
- a loita das mulleres, o fluír do suxeito feminino/feminista que atravesa as fronteiras vencéndoas, deconstruíndoas e, asemade, afirmando a súa multiplicidade (políticas de emprazamento);
- a concepción do planeta coma un todo;
- a razón da saúde e da ecoloxía contra a tolemia do capitalismo depredador;
- a viabilidade dos nosos sectores productivos;
- a dignificación das condicións de traballo, con especial atención á mocidade;
- a integración respectuosa dos inmigrantes e dos emigrantes retornados;
- a liberdade non autoritaria de opcións sexuais.
O fascismo non medra só nas toldadas augas do totalitarismo, senón tamén nos plácidos areais da democracia formal e o liberalismo.
Escolleremos sempre a posibilidade de vivir tódalas descubertas: o pracer da innovación, o desexo non coutado, a vida como subversión. A Revolución é unha tarefa práctica. Non é unha elección: é unha necesidade. A nosa determinación é realizala
Xa é hora.
Compostela, abril de 2001

No hay comentarios:

Publicar un comentario