http://www.unionlibre.org/artigos/artigosmulleres.htm#alquimia
Traduccion de Maria Gonzalez Lopo
ALQUIMIA DO VERBO
Do meu. A historia dunha das miñas loucuras.
Dende había moito tempo vangloriábame de posuír todas as paisaxes posibles, e atopaba irrisorias as celebridades da pintura e da poesía moderna.
Gostaba das pinturas idiotas, lindeiras, decorados, panos de titiriteiros, letreiros, estampas populares; a literatura anticuada, latín de igrexa, libros eróticos mal ortografados, romances das nosas avoas; contos de fadas, libriños da infancia, óperas vellas, refráns parvos, ritmos inxenuos.
Soñaba cruzadas, viaxes de descubrimentos dos que non se conserva relación, repúblicas sen historias, guerras de relixión abafadas, revolucións de costumes, desprazamentos de razas e de continentes : cría en todos os feitizos.
¡Inventei a cor das vocais! - A negro, E branco, I vermello, O azul, U verde. - Regulei a forma e o movemento de cada consoante, e, con ritmos instintivos, gabeime de inventar un verbo poético accesible, antes ou despois, a todos os sentidos. Reservaba a traducción.
Foi primeiro un estudio. Escribía silencios, noites, anotaba o inefable. Fixaba vertixes.
Lonxe dos paxaros, dos rabaños, das labregas,
¿Que bebía, a xeonllos nesta uceira
Arrodeado de tenras fragas de abeleiras,
Nunha brétema de tarde verde e tépe
¿Que podía beber neste xove Oise,
-¡Olmos sen voz, herba sen flor, ceo cuberto!-
Beber nestas cabazas marelas, lonxe do casoupo
Benquerido? Algún licor de ouro que fai suar.
Figuraba un equívoco letreiro de pousada.
- O trebón veu botar o ceo. Á tardiña
A auga das fragas perdíase nas areas virxes,
O vento de Deus guindaba xeos ás pozas;
Chorando, vía ouro - e non puiden beber. -
No hay comentarios:
Publicar un comentario