domingo, 21 de octubre de 2012

Tres mulleres á fronte das ágoras poéticas -

Tres mulleres á fronte das ágoras poéticas - Cultura - Sermos Galiza - A Información precisa

Tres mulleres á fronte das ágoras poéticas

Co outono chega a poesía ao vivo. Poetas di(n) versos na Coruña e Picaversos en Compostela botan a andar nunha nova edición de encontro público coa poesía. Con formatos diferentes, os dous ciclos teñen, malia iso, varios elementos en común entre eles. Póñenlle voz á palabra poética, lévana á escena, conseguen a atención do público e teñan á fronte tres poetas, Yolanda Castaño na Coruña e Branca Novoneyra e Olalla Cociña en Compostela. A próxima cita, o martes 23 nos Picaversos
Olalla Cociña e Branca Novoneyra

Tres mulleres á fronte das ágoras poéticas




CARME VIDALhai 7 minutos
Olalla Cociña e Branca Novoneyra
 Poetas di(n) versos responde a un deseño persoal da dinamizadora e poeta Yolanda Castaño. Desde hai catro anos, este é o segundo no Auditorio do Ágora, convoca poetas da Galiza con outros do mundo enteiro nun ciclo que sorprende pola xenerosa resposta do público. “Este é o segredo da estabilidade do ciclo. Que a xente asiste a vivir a poesía ao vivo. Ben é certo que imos por ela”, comenta Yolanda. Cando di que “van por ela” explica que, en función do perfil das persoas convidadas dirixen a atención ao público que pode ter máis interese. Estudantes do idioma ou comunidade xaponesa se quen chega á Coruña é poeta dese país, pon por caso.

As segundas feiras -día pouco frecuentado na programación cultural- e unha por mes, Poetas di(n) versosconvoca o público para vivir a poesía e partillar do diálogo que se estabelece entre os nomes máis destacados da literatura galega para partillar cos de diversos países do mundo. “O interesante é ese encontro. Ás veces a sesión achéganos a poéticas semellantes, ás veces é o contraste o que os pon en relación”, explica Yolanda Castaño, dunhas sesións en que as persoas convidadas de fóra asisten á lectura da súa obra traducida ao galego.
O formato de Picaversos é distinto. A ágora non se atopa nun auditorio, senón nun ámbito máis informal, nun dos locais nocturnos de máis historia de Compostela, o Modus Vivendi da zona vella. Pola cidade, como pola Coruña, hai cartaces pendurados aínda anunciando a segunda edición que vén de comezar. Un paxariño de papiroflexia, deseño de Marcos Vigo, identifica o ciclo xestionado por Branca Novoneyra e Olalla Cociña, dúas poetas que viven na cidade e buscaron na noite un espazo e un tempo alternativo para compartir poesía. Nos Picaversos cada quince días, por volta das 21 horas, danse cita no Modus para escoitaren tres persoas convidadas que comparten os seus poemas preferidos. Veñen do mundo da literatura, mais tamén da música, do teatro, da maxia ou de oficios varios, e xúntanse arredor dun mesmo lema. “Naceu pola ansia de facer algo novo, autoxestionado, ocupando un espazo distinto diante dunha programación tristeira” explica Branca Novoneyra. Contan tamén coa boa resposta do público que enche o local en cada sesión, partillando con Branca e Olalla a vontade de seren partícipes do pracer de ler e escoitar a lectura. A música tende a agromar tamén nas sesións de Picaversos. “Pretende facer visible a poesía fóra do eido exclusivamente literario e ampliar o seu público”, explican. No horizonte prometen novos proxectos de difusión poética, entre outros, a Compostelá, unha iniciativa pola que entran na rede de a Parisiense e A Porteña de difundir os versos na rúa a través de carteis.
Volven Picaversos e Poetas di(n) versos co outono. Rosa Enríquez, Ania González e García, de Dios ke te Crew, inauguraron o novo curso do ciclo de Compostela. María do Cebreiro e o madrileño Carlos Pardo, coetáneos, abriron a nova edición do programa de Yolanda Castaño. As tres poetas teñen xa na carpeta as próximas sesións para o trimestre. Novoneyra e Cociña convocan os “Picaversos da casa” para o 23 de outubro con Elías Portela, María do cebreiro e Iolanda Zúñiga, de amor para o 6 de novembro, rock and roll para o 20 e o lunático no 11 de decembro. Yolanda Castaño conta con Xabier Cordal e o croata Marko Pogacar para o 5 de novembro e Enma Pedreira xunto coa francófona quebequesa Carole David, na sesión do día 10 do último mes do ano.

No hay comentarios:

Publicar un comentario